CULTIVO | Pemento de Herbón

O cultivo

Produción de planta

O cultivo faise seguindo as prácticas tradicionais que permiten obter un produto diferenciado.

Os agricultores realizan unha coidadosa selección dos mellores froitos de cuxas sementes obterán as futuras plantas.

Coidados

O cultivo require a achega frecuente de fertilizantes que se fai mediante a rega localizada. É importante un axeitado manexo da ventilación no invernadoiro.
Z

Control de pragas e enfermidades

O control de pragas faise preferentemente seguindo as técnicas de control integrado, destacando o emprego preferente da loita biolóxica fronte á utilización de produtos fitosanitarios, polo que se obtén un produto seguro, como acreditan as análises de control de residuos.

Plantación

O cultivo realízase tanto ao aire libre como en invernadoiro. No cultivo baixo cuberta non se utiliza calefacción nin iluminación artificial, sendo o obxecto destas instalacións a protección de posibles xeadas e doutras condicións climáticas adversas. Isto permite adiantar a entrada en produción e prolongala unhas semanas ao final do ciclo, sen que isto supoña unha alteración sensible das condicións ambientais naturais do cultivo.

En invernadoiro a plantación efectúase en febreiro e marzo, esta faise directamente sobre o terreo sen usar ningún tipo de solo artificial. Ao aire libre a plantación lévase a cabo durante os meses de abril e maio, dependendo das condicións climáticas.

A densidade de plantación en invernadoiro é de 2-4 plantas por metro cadrado. Dado que as estas alcanzan unha altura importante, é práctica habitual o entitorado con soportes metálicos ou madeira e fíos de nailon a distintas alturas. Ao aire libre a densidade é de 3-5 plantas por metro cadrado.

Época de produción

A época de produción depende das condicións meteorolóxicas de cada ano. Normalmente a comezos de maio iníciase a recolección dos pementos cultivados en invernadoiro e os cultivados ao aire libre entran en produción a partir de finais de xuño. A campaña oficial finaliza o 31 de outubro.

POLO TANTO, OS AUTÉNTICOS “PEMENTOS DE HERBÓN” SÓ ESTÁN NO MERCADO ENTRE MAIO E OUTUBRO.

A recolección realízase manualmente polas mans expertas “dos/as pementeiros/as cando os froitos alcanzan o tamaño requirido para a súa comercialización. Na época de máxima produción a recolección de cada parcela faise cada dous días.

Zona de produción

O ámbito xeográfico da zona de produción amparada pola D.O.P. “Pemento de Herbón” coincide coa de acondicionamento e envasado, estando constituída polos seguintes municipios: Padrón, Dodro e Rois, pertencentes á comarca de O Sar, situada ao sur da provincia da Coruña, e Pontecesures e Valga, da comarca de Caldas, situada ao norte da provincia de Pontevedra.

Esta área da vertente atlántica de Galicia, está constituída por un conxunto de vales con reducida altitude, delimitados polos ríos Ulla e Sar e protexidos por varias serras e a península do Barbanza, que illan a zona e proporcionan unhas condicións edafoclimáticas, moi adecuadas para este cultivo.

O nome da denominación, “Herbón”, é o topónimo da parroquia do concello de Padrón na que se sitúa o convento de San Antonio de Herbón, ao que se vincula a introdución deste pemento procedente de América. Máis do 90% dos produtores pertencen a esta parroquia padronesa.

A reducida altitude sobre o nivel do mar, a protección que supoñen os sistemas montañosos que rodean os vales de produción e a proximidade á costa proporcionan unhas características climáticas diferenciadas, cun elevado réxime pluviométrico (precipitación media anual da orde de 1500 mm), ventos dominantes de Sur-Oeste e Norte, temperaturas suaves e unha oscilación térmica pouco acusada, con temperaturas medias anuais de 15 °C e raramente inferiores a 3 °C nos meses máis fríos. Este microclima constitúe indubidablemente un elemento importante á hora de obter as características específicas do pemento de Herbón.

Deste xeito, as suaves temperaturas, as escasas oscilacións térmicas, así como os solos da zona, e as prácticas culturais tradicionais inciden de maneira directa nas súas características morfolóxicas e organolépticas, en particular sobre a cor e a relación entre o peso do froito e o da semente, cun valor medio de 3.2, significativamente inferior ao doutras áreas de produción, que inflúe á súa vez no baixo nivel de capsicina (sustancia que transmite o característico sabor picante deste produto) presente nos seus tecidos (0,114 mg de capsicinoides/g peso seco no estadio comercial do froito).

Diversos traballos científicos acreditan que é fácil distinguir os pementos de Herbón cultivados na área delimitada respecto doutros da mesma variedade cultivados en climas máis cálidos (cara a onde se estendeu a súa produción), non só polas características morfolóxicas e organolépticas citadas, senón tamén pola lonxitude do froito (entre 3,5 e 5,5 cm) e pola proporción do esterol denominado estigmasterol, que alcanza un valor medio do 1,304 % para o Pemento de Herbón fronte ao valor medio de 5,164 % obtido en pementos da variedade comercial Padrón cultivados no sur de España. A determinación desta porcentaxe de estigmasterol permite diferenciar cun 100 % de seguridade os pementos de Herbón respecto dos doutras latitudes.

Por outra banda, as prácticas ancestrais dos agricultores locais, mantendo e seleccionando as mellores plantas, á vez que adaptando as técnicas de produción ás condicións do territorio, deron como resultado un produto extraordinariamente ligado ao medio e cunhas excelentes calidades culinarias. Resulta especialmente importante engadir tamén que este traballo de preservación e selección varietal continua traduciuse na utilización de semente de propagación propia, procedente unicamente de agricultores da zona delimitada, cunha ausencia xeneralizada do emprego da variedade comercial “Padrón”, que foi estendida a outros ámbitos xeográficos. Esta especial selección, tanto do material de propagación como a selección dos froitos con carácter posterior á colleita achegan ao pemento DOP “Pemento de Herbón” a súa especial calidade e carácter diferenciable.

É moi interesante anotar que co “Pemento de Herbón” ocorreu un fenómeno moi similar ao dalgunhas variedades de uva: sendo orixinaria da zona de produción, a inscrición da variedade comercial “Padrón” fixo que o seu cultivo se estendese a outras áreas xeográficas moi distantes, pero sen que se mantiveron as especiais características organolépticas dos pementos producidos na área de orixe, de modo que os “Pementos de Herbón” continúan sendo moi demandados no mercado.

A utilización de sistemas de cultivo baixo cuberta por parte dos agricultores da zona desde hai varias décadas, é unha mostra da adaptación das técnicas de produción, sen que iso signifique perda da interacción entre o medio e as características específicas do produto: trátase de sinxelos túneles de plástico, nos que non se fai un verdadeiro control das condicións ambientais do cultivo, que segue exposto no fundamental aos factores naturais do medio, dado que estas estruturas baixo cuberta non posúen calefacción nin iluminación artificial e o cultivo realízase directamente sobre o chan.