GASTRONOMÍA | Pemento de Herbón

Festa do Pemento de Herbón

O primeiro sábado de agosto celébrase na carballeira do Convento de San Antonio de Herbón a Festa do Pemento de Herbón, declarada de interese turístico na provincia da Coruña.

Neste evento a Orde do Pemento de Herbón concede os títulos de Cabaleiros e Damas a produtores e persoeiros que difunden e promoven o “Pemento de Herbón”.

Receitas

Pementos fritidos

É a forma tradicional de consumilos. Con pedúnculo (rabo) ou sen el?
É preferible fritilos sen el, posto que incrementa o sabor herbáceo, principalmente ao comezo da tempada, tamén se se consumen acompañando outros pratos. Se se consumen sos como aperitivo, pódense consumir co rabo.

Preparación:

Quitar o pedúnculo (rabo) cunha culleriña ou cun coitelo de punta roma sen perforar o pemento. Así se conservará enteiro e non absorberá tanto aceite.

Lávanse ou limpan cun pano húmido secándoos ben. Frítense en abundante aceite de oliva, botándoos na tixola co aceite non moi quente para evitar que se desprenda a pel.

Frítense lentamente removéndoos no aceite para conseguir unha boa fritura, que é cando obteñen máis sabor. Retíranse escorréndoos ben e bótaselles sal groso.

Empanada de pementos

Fritir os pementos e reservar. Facer un fondo con cebola picada, pochar e reservar. Elaborar a masa de xeito tradicional con fariña, ovo, auga, sal e fermento. Deixar fermentar 1 hora. Untar unha bandexa de forno con aceite, colocar unha capa de masa xa estirada, encher coa mestura de cebola e pementos e cubrir con outra capa de masa. Enfornar durante 30 minutos 170ºC.

Espeto de tenreira galega con pemento de Herbón

Cortar a carne en anacos máis ben grandes. Dar unha lixeira fritura ao pemento. Nun pincho de madeira colocar primeiro a carne e despois o pemento. Facer á prancha.

Pemento de Herbón en tempura

Preparar a tempura con ovo, sal, fermento e auga con gas ou cervexa. Deixar repousar 30 minutos. Rebozar os pementos na elaboración anterior e fritir en abundante aceite de oliva.

Cucharita de Pemento de Herbón con ovo de paspallás

Colocar unha lámina de pemento vermello sobre o fondo da culleriña. A continuación colocar o pemento de Herbón previamente frito e un cuarto de ovo de paspallás cocido. Decorar con brotes de soia.

Tosta de queixo con Pemento de Herbón

Cortar unha rebanda de Pan de Cea (IXP) e tostalo ao forno. Colocar unha cuña de queixo DOP Arzúa – Ulloa, ou DOP Cebreiro e rematar co Pemento de Herbón previamente frito. Pódese acompañar de froitos secos ou de marmelo.