DOP | Pemento de Herbón
Órgano de Control e Certificación

A Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), axencia pública autonómica dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, é responsable da inspección, análise, control dos rexistros, dos procesos de produción, do envasado e da certificación do produto.

Consello Regulador

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Pemento de Herbón” é unha corporación de dereito público á cal se atribúe a xestión da Denominación coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida “Pemento de Herbón” ten personalidade xurídica propia e o ámbito das súas competencias está limitado ao pemento de Herbón protexido pola DOP en calquera das súas fases de produción, almacenado, envasado e comercialización, e dos produtores e operadores inscritos nos seus diferentes rexistros.

O Consello Regulador está formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría, tres vogalías polo sector envasador, tres vogalías polo sector produtor e dous delegados designados pola Consellería competente en materia de agricultura. Estes cargos renóvanse cada catro anos.